Concello de Narón/AEF e a Transición Enerxética

Categoría: Actividades
Publicado el Jueves, 02 Marzo 2023 12:28
Escrito por ferrolterra
Visitas: 261
O Concello de Narón e a Asociación de Empresarios Ferrolterra convidan á ministra de Transición Ecolóxica a unha reunión no Consistorio trala exclusión do empresariado local das axudas de Transición Xusta.
 
A alcaldesa do Concello de Narón, Marián Ferreiro, e o edil de Promoción Económica, David Pita, reuníronse o 1 de marzo no Concello co presidente da Asociación de Empresarios Ferrolterra, Ángel Torreiro, e Nonito Aneiros, vogal da citada entidade, co fin de analizar as accións a levar a cabo trala confirmación da exclusión do sector empresarial da cidade das axudas de Transición Xusta. Os representantes do goberno local e do sector empresarial coincidiron en calificar de “inxusta” unha situación que lles afecta directamente e os sitúa nunha posición de clara desventaxa con respecto a outros concellos da zona tamén afectados como Narón polo anunciado peche da térmica pontesa.
 
No transcurso da reunión os políticos locais e os empresarios acordaron convidar a unha reunión no Concello á Ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, aproveitando a visita que realizará esta mesma semana á cidade. A finalidade do encontro é abordar este grave problema que afecta ao empresariado local e urxir que se revirta esta situación para ofrecer ao sector un trato igualitario. Así mesmo, tal e como explicaron, solicitarase unha nova entrevista co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, co fin de abordar tamén esta situación de exclusión das axudas, despois de que o pasado ano se indicase que Narón podería optar ás novas liñas de axudas que se habilitasen. Unha terceira reunión será a que se requira co conselleiro de Industria, Francisco Conde, para trasladarlle a importancia desta problemática e, ao tempo, analizar a viabilidade de que o sector empresarial de Narón poida acollerse a algún tipo de axuda autonómica.
 
ReunionNaron01032023